Kiosko y Más

Samos acolle unha xornada musical adicada ao Camiño

A DATA. O DÍA 8 A QUENLLA PON MÚSICA Á OBRA DE MARTÍN DE PADROZELOS E LUÍS CELEIRO DISERTARÁ SOBRE O TROBADOR

Unha charanga abre os actos e está previsto un servizo de venda de polbo para xantar

A entrada é de balde pero haberá que facer unha reserva previa polo límite de aforo

AQUENLLA dará un concerto o vindeiro domingo día 8 de agosto na Praza de España de Samos no marco do programa Actividades no Camiño e Promoción do Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia. Nesa mesma mañá, e dentro do mesmo plan, actuará tamén unha charanga e dará un pregón o escritor e xornalista samoense Luís Celeiro Álvarez.

Os actos comezarán ás 11.00 horas da man dunha charanga que animará a vila de Samos ata as 13.00 horas.

Cando remate a charanga será a quenda do pregón de Luís Celeiro Álvarez, que disertará sobre o trobador de Praducelo, Martín de Padrozelos. As súas cantigas de amor e amigo son as protagonistas dunha exposición que está percorrendo varios concellos este verán.

Licenciado en Ciencias da Información (rama de Xornalismo) pola Universidade Complutense de Madrid, Luís Celeiro é doutor en Socioloxía e Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela, onde traballou durante máis de 30 anos como xefe do gabinete de comunicación e como profesor asociado na Facultade de Ciencias da Información. Comezou a súa traxectoria profesional en ‘A Nosa Terra’ cando aínda era estudante, en 1998, e máis tarde foi director do semanario ‘Tempo Galego’ e un dos impulsores do programa do Xacobeo 93. Actualmente colabora con varias cabeceiras galegas coma El Progreso.

A xornada sobre o Camiño en Samos rematará da man da Quenlla, que actuará entre as 13.30 e as 14.30 horas. Esta emblemática formación galega musicou os textos de Martín de Padrozelos, que se cre que foi o primeiro trobador galego-portugués de finais do século siglo XI con referencia escrita. A Quenlla editou un traballo con dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, do trobador.

Para os que queiran ampliar a xornada e quedar a comer en Samos, haberá un servicio de polbo.

O Concello de Samos, que organiza esta proposta co apoio da Xunta de Galicia e do

SEGURIDADE.

Xacobeo, deseñou un estrito protocolo para garantizar a seguridade da xornada.

O alcalde, Julio Gallego, explica que debido ao covid, o aforo será limitado. A entrada é de balde e pode ser solicitada no correo electrónico concello.samos@gmail.com, especificando nome, apelidos e nome do evento ao que se quere asistir. En palabras do rexedor: «o Concello de Samos comprométese coa seguridade dos asistentes despois de tempos tan difíciles como os que nos tocou vivir».

O CAMIÑO. O reto das actividades organizadas o vindeiro día 8 é darlle visibilidade a Samos como punto esencial do Camiño Francés. Ao deixar as terras de Triacastela, o camiño ofrece dúas alternativas, as dúas pasan por Samos, unha máis ao sur e outra máis ao norte.

A ruta que transcorre máis ao sur chega á capitalidade municipal e á Real Abadía de Samos (con 1.500 anos de vida monástica) despois de pasar por lugares coma Penapartida e San Cristovo do Real (onde hai unha capela do século XII). Trátase dun trazado espectacular, entre serras que desemboca na vila samoense chea de monumentos servizos para os visitantes.

A ruta norte atravesa varias aldeas onde a natureza tamén ten moito protagonismo.

A Mariña

es-es

2021-08-01T07:00:00.0000000Z

2021-08-01T07:00:00.0000000Z

https://lectura.kioskoymas.com/article/282097754747074

ABC