Kiosko y Más

«Onde queiman os libros…

JUAN ANTONIO PINTO ANTÓN

ERMINAN queimando seres humanos», avisa o poeta H. Heine. Algo premonitorio: tamén os seus libros arderían no lume nazi un tristísimo día de maio do ano 1933.

O noso Manolo Rivas di que ‘Os libros arden mal’, título da súa ambiciosa novela sobre os derrotados, exilados nunha xeografía de silencios e medos. Nas pupilas, faíscas da fogueira na dársena da Coruña en agosto do 36, díxitos da Guerra inCivil.

Alí onde queiman os libros… Ata nós chega o cheiro da pira de Alexandría, a biblioteca total na imaxinación de Borges. Episodio de barbarie a cabalo de mitos e de interrogantes. O fráxil e pirófito papiro ardeu ben abrasando as mellores ideas dos mellores cerebros da mellor antigüidade.

As leccións da historia sobre o respecto á letra impresa esquecéronse cedo por bárbaros alumnos empeñados en queimar o mellor de nós mesmos. Vinte séculos de historia e maxisterio de pouco serviron para protexer libros e bibliotecas. Así, en 2014 o Exército alemán queimou a magnífica biblioteca de Lovaina, aplastando un país neutral e case 300.000 volumes tamén neutrais. Reconstruida, volveu a arder en 1940 baixo a bota nazi.

Chama a atención a paixón polo lume dun pobo tan culto como o alemán. O 10-III-1933 universitarios encirrados polo nazismo carretaron vinte mil libros de autores xudeus e socialistas ata a Praza da Ópera berlinesa. Arderon con infinito entusiasmo. Os libros, aos que aplicaron a ‘solución final’, non eran neutrais senón molestas testemuñas.

Peor que os libros arden as

Tpersoas, pero a enxeñería do odio nazi creou unha eficiente maquinaria para queimar once millóns de seres humanos. Tiña razón Heine: oito anos despois das fogueiras dos libros empezaron as fogueiras humanas.

Suponse que despois das guerras mundiais a mellor Humanidade atoparía vacinas contra fanatismos de pirómanos da letra impresa e da carne humana.

Pero xusto antonte, en agosto do 92, cegas bombas de milicias serbias con moi boa vista alcanzaron a Biblioteca Nacional de Bosnia-Herzegovina. Ray Bradbury recorda que o papel arde a 451 grados fahrenheit: en Saraxevo, foron moitos máis. En tres días ardeu millón e medio de libros.

Cada catástrofe avergoña o máis humano que levamos dentro. Berramos: ¡nunca máis! Pero o nunca ten caducidade corta diante do hipnótico espectáculo do lume alimentado polo odio. Porque onte, en abril de 2003, na 2ª Guerra do Golfo, as lapas lamberon a Biblioteca de Bagdad a pesar das advertencias horrorizadas de arqueólogos USA. Lume e saqueos aliáronse para destruír a memoria que chega ata a antiga Mesopotamia, berce da nosa civilización.

Os libros arden mal. Arden ben cando sobre eles sopran foles dos fanatismos. Tiña razón o poeta Heine. Ao final, nas piras do odio acaban ardendo seres humanos.

Opinión

es-es

2021-08-01T07:00:00.0000000Z

2021-08-01T07:00:00.0000000Z

https://lectura.kioskoymas.com/article/282192244027586

ABC